O pasado mes de xullo Nicolás Otero, e eu mesmo, Diego Diéguez, partíamos coa inestimable compaña de Marcos De La Fuente, do club Asesou con destino a Chamonix. O principal obxectivo era coñecer por fin en persoa, os montes que tanto lemos e vimos a través dunha pantalla. E en segundo lugar e se as condicións o permitían facer cume no Mont Blanc pola Ruta dos 4000.

Saímos dende Pontevedra en coche e o estilo pódese dicir que foi alpino dende o minuto cero xa que en toda a viaxe non tocamos unha cama. A viaxe fíxose amena entre contos, música, debates filosóficos e batalliñas de montaña que nunca falta onde se xuntan tres “frikis”.

Os quilómetros foron pasando e sen darnos moi ben conta, e co cansazo da viaxe de pronto topamos coa tremenda mole do macizo do Mont Blanc. A aventura comezaba.

O primeiro día asentámonos no camping Mer de Glace onde coincidimos coa xuntanza de novos alpinistas da federación española atopándonos cos compañeiros da selección galega de novos alpinistas e o seu técnico Xosé Otero, que foi unha fonte inesgotable de información e útiles consellos para toda a expedición, xa que foi veciño noso. Quero darlle as grazas dende aquí unha vez máis.

O tempo acompañaba e comezamos paseniño, subindo no tren de Montenvers para facer prácticas de progresión en glaciar e escalada en xeo no glaciar Mer de Glace.

Alpes

Ver en directo as paredes onde se produciron grandes fazañas da historia do alpinismo como os Drus ou a Norte das Jorasses deixáronnos sen palabras pero moito máis, apreciar o brutal retroceso que sofren os glaciares.

Aproveitando que temos un “Global Pass” (algo así como barra libre de remontes polos días que ti queiras pagar) aproveitamos para subir á Aiguille du Midi a sacar unhas fotos e así ir aclimatando.

O segundo día de actividade repetimos remonte e fixemos a fermosa pero máis que transitada Aresta dos Cósmicos. Esta foi unha grande actividade de aclimatación, en altura e con ambiente. Ideal tamén para saír de fondo no Instagram de algún ou algunha turista. Acabar unha actividade de montaña a case 4000 m nunha terraza é algo novo para nós. Isto so pode ocorrer nos Alpes.

Alpes

Queriamos cambiar de aires e facer alpinismo máis auténtico e autosuficiente, o lugar elixido foi o Glaciar de Tour. Pronto nos atopamos cun escenario totalmente oposto, no que tivemos que cargar co mochilón con tenda, saco, inferniño e comida, para durmir ao pé do refuxio Albert I. Aquí atopamos unha paisaxe de montaña que coido que ningún dos presentes esquecerá. Simplemente máxica, para min, suficiente para compensar tódolos quilómetros e esforzo da viaxe.

A actividade do día seguinte foi a Aiguille de Tour (3542) polo corredor Da Table mirando de esguello a impoñente aresta Forbes á agulla de Chardonnet (queda para a próxima). Erguémonos e fixemos case toda a aproximación polo glaciar á luz dos frontais. Unha vez ao pé do corredor comprobamos que estaba delicado, a primeira parte seca, moi descomposta e difícil de protexer. Despois de darlle moitas voltas tiramos de Marcos que está máis forte que a augardente para que fixera o primeiro longo. Podéndonos deleitar a continuación cunha canal duns 200 m, a uns 50º de neve perfecta, que fixemos en ensamble. Saímos a unha incrible aresta aérea onde fomos facendo a quendas os longos e desfrutando como ananos ata chegar a cume. A volta foi mooooi longa e moi cálida.

Nunca pensei que fora pasar tanto calor a esa altitude, pero aínda quedaba o peor. Desmontar a tenda e volver a facer o petate para baixar.

Xa no campo base e vendo os prognósticos decidimos que era o momento de “darlle o pegue ao Mont Blanc” era agora ou nunca. Achegábase borrasca e moito vento nos días seguintes. A idea era facer a Ruta dos 4000 que sae de Cósmicos, pasa o collado do Mont Blanc de Tacul, o collado do Maudit e continúa para a cume a 4810 m e posteriormente baixar pola ruta normal ou Gouter.

Non queríamos depender de ningún refuxio e non tiñamos claras as nosas posibilidades de éxito dado o vento que se prevía, polo tanto optamos por unha opción máis conservadora que consistiu en montar campo base en Cósmicos e subir lixeiros para tentar a cume e volver a cósmicos para baixar no cable. O noso compañeiro Marcos decidiu non acompañarnos nesta aventura pero prestouse a acompañarnos e prestarnos toda a axuda necesaria. Estabamos no saco ás 8 da tarde xa que ás 2:00 tiñamos que estar comezando. Esa noite decateime do complicado que é durmir en altura e moito máis co vento zoando e os inevitables nervios do que nos agardaba.

Cando soou o espertador tardamos un intre en meter algo quente no corpo e comezar a andar guiados pola adrenalina que produce saber que estás a cumprir un soño.

Foi incrible ver as luces da Vila de Chamonix dende o collado do Tacul. Iamos moi ben de tempo e de enerxías. Tocaba a espectacular rampla do Maudit e o vento comezaba a soprar con forza. Fíxose algún que outro “embude” de alpinistas nas *rimayas*, que evitamos facendo unha ruta alternativa, xa que como pararas moito tempo quedabas literalmente teso. Nun destes alucinamos ao ver unha cordada con botas de trekking e crampóns de correas que o estaban pasando bastante mal. O último tramo duns 50º en xeo que protexemos cun par de parafusos progresando en ensamble deixounos no collado do Maudit e comezaba a amencer.

 

A ledicia invadíanos xa que sabíamos que o máis difícil pasara (inexpertos e inxenuos) nada máis lonxe da realidade. Perdemos altura para pasar polo collado da Brenva onde o vento te arrastraba coma a unha folla. A ledicia comezaba a esvaecerse cando subiamos o Mur de la Cote e co vento en contra cada paso nos supuña un mundo. Estabamos na rampla final, que é unha pala doada pero que se fai eterna. A comunicación era moi complicada entre nós e por momentos improvisamos unha nova técnica de progresión consistente en andar de cu para non quedar conxelado.

O detonante foi notar como dun paso para outro quedaba enterrado ate a barriga aínda que notaba solidez baixo as miñas botas. E si… as gretas son tan imperceptibles como din. Mirei para un lado e vin un burato de pouco máis dunha cuarta de ancho que se perdía en vertical. Saín de alí sen ningunha dificultade pero coas pernas tremendo. Xuntámonos e fixemos a pregunta que estiveramos evitando dende había un bo anaco. QUE?

Os dous sabíamos a resposta pero ningún quería dicilo… O altímetro de Nico marcaba uns 4.600 m. Estabamos a 200m. As bagoas corríanme arreo pola cara conxelada contaxiando ao meu compañeiro. A lóxica era: se non fora o Mont Blanc, Que fariamos? Estaba claro dar volta. Pois iso…

A pregunta que lle fixen a Nico aínda me ronda: Estaremos a ser uns frouxos? Cada día teño máis claro que si. Pode ser, pero sen dúbida a experiencia pagou a pena e parafraseando ao gran Iñaki Ochoa: “Deixamos a guinda pero papamos todo o pastel”


COMPARTIR: